Monday 06 de May de 2024

“¿En mans de quen está Cambre?”, Diana Piñeiro, candidata á alcaldía polo Partido Popular, preocupada polas polémicas do goberno municipal co persoal do Concello e que levan a unha intervención continuada da xustiza


Un día máis os veciños espertan coa noticia doutra polémica no Concello de Cambre, esta vez afectando á policía local. Nesta ocasión, a Fiscalía ve indicios de prevaricación no pago das horas extraordinarias desde que se produciron os cambios na xefatura do corpo, con bonificacións que supostamente incumplen o límite marcado pola lei, segundo indicaron o interventor e a secretaria do Concello.

A isto súmanse outros acontecementos que o goberno de Cambre arrastrou co seu persoal ao longo da lexislatura, como cando foi apartado o xefe de Planificación e Dirección de Urbanismo, arquitecto e funcionario de carreira, que se encargaba de supervisar a elaboración do novo Plan Xeral e que tras unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tivo que ser reintegrado no seu posto.

“O actual goberno de Unión por Cambre e o Partido Socialista, que só sabe pasar de polémica en polémica co persoal municipal, volve a demostrar coa súa actuación dubidosa que fai moito dano á imaxe do Concello, provocando unha preocupante desconfianza e inseguridade nos cidadáns”, afirman os populares.

“O alcalde Óscar García Patiño aínda non se decatou de que o persoal do Concello non está ao servizo dos seus intereses, senón ao servizo dos veciños de Cambre e que non debe arrastralos a estas situacións de forma continuada, polo ben dos funcionarios e o da propia institución”, denuncia Piñeiro.